Publicidad

As Pontes e Narón conmemoran o Día das Bibliotecas con variadas actividades

FERROL360 | Venres 23 outubro 2015 | 10:32

Este sábado, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas e os Concellos de As Pontes e Narón teñen programadas diferentes actividades para conmemorar esta data por todo o alto. Así, haberá sesións de teatro, poesía, concertos, obradoiros e contacontos. Tomade nota.

En As Pontes organizan unha xornada de portas abertas, que arrancará ás 18.00 horas cunha sesión de teatro a cargo do grupo local O Catre e os seus exitosos Contos de pés. Presentarán a montaxe A Cincenta.

Ás 19.30 horas, alumnos do Conservatorio de Música das Pontes ofrecerán un concerto e daranlle paso ao recital poético do Grupo Alalá. Finalmente, ás 21.30 horas, os Jin Tony`s Son ofrecerán un concerto no mesmo escenario. No transcurso da celebración serviranse castañas e chocolate quente aos asistentes.

Programación en Narón

Mentres, en Narón celebrarán a Xornada de biblioteca na rúa, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 14.00 horas. A Praza da Gándara albergará un stand no que se ofrecerá á veciñanza información sobre os servizos bibliotecarios coa finalidade de achegar as instalacións aos espazos públicos da localidade e difundir a súa actividade entre os usuarios potenciais.

Durante a xornada haberá diversas accións dinamizadoras, como obradoiros e contacontos. Ademais se publicará na canle de You Tube e na páxina web da biblioteca un vídeo conmemorativo do Día da Biblioteca, protagonizado polos nenos participantes nun obradoiro que se desenvolveu este mes nas instalacións naronesas.

Por outra banda, desde o vindeiro luns poderase ver na biblioteca unha exposición de case cincuenta fotografías realizadas por un grupo de adultos que participou no obradoiro de audiovisuais Light Painting. Esas mesmas imaxes mostraranse o sábado no punto de información que se localizará na Praza da Gándara.

A Biblioteca Municipal de Narón abriu contas de Facebook e Twitter para que os usuarios estean informados puntualmente de todas as novas relativas ao servizo.