Publicidad

As Pontes impulsa un programa de actuacións para acadar o selo de Mercado Excelente de Galicia

FERROL360 | Mércores 13 setembro 2017 | 10:36

Co obxectivo de acadar o selo de Mercado Excelente de Galicia, o Concello de As Pontes impulsará un programa de actuacións para potenciar, impulsar e incrementar a competitividade da praza de abastos municipa e tamén os servizos que ofrece.

A Concellería de Hostalería e Comercio, a través do Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC), será a encargada de programar as accións a levar a cabo que pasan por crear unha marca propia e desenvolver un curso de marketing e promoción de produtos frescos para que os praceiros aprendan novas técnicas de venda e conten con novas ferramentas que lles permitan incrementar a súa clientela.

Ademais, hai uns meses o mercado lanzou unha nova páxina web que aglutina toda a información necesaria sobre estas instalacións. A concelleira de Hostalería e Comercio, Ana Pena, salienta o importante papel que xogarán os propios praceiros na consecución deste certificado e avanzou que se buscará a súa implicación para acadar este obxectivo.

O selo de Mercado Excelente de Galicia distingue a calidade e prestixio das prazas de abastos galegas a nivel de accesibilidade, instalacións, organización, xestión e atención ao cliente. Unha acreditación que redundará positivamente neste espazo co incremento de clientes e, nun futuro, coa implantación de novos postos de venda, indicou Pena.

Curso de merchandasing

Por outra banda, o Instituto Pontés de Promoción Económica ofrecerá a finais deste mes unha nova actividade formativa dirixida ao sector do comercio de productos frescos. Trátase dun curso de merchandasing para que os comerciantes aprendan a sacarlle o maior partido aos seus postos e mercadorías para, deste xeito, incrementar a súas vendas, rendabilidade e fidelizar nova clientela.

Trátase dunha iniciativa que busca facer dos postos de produtos frescos todo un atractivo e nicho de negocio, potenciando instalacións coma o mercado municipal onde, a día de hoxe, se conta con case unha decea de negocios de peixe, verduras ou carne fresca de gran calidade, indica a concelleira Ana Pena.

Aportar nocións útiles e técnicas de promoción e venda que permitan aos comerciantes identificar os puntos fortes do seu negocio e traballar nos aspectos menos atractivos; crear un escaparate que seduza ao cliente e aprender técnicas de venda e de exposición do produto, que redunden na mellora da rendabilidade do negocio e no incremento das súas vendas, son algunhas das temáticas a tratar.

Este curso desenvolverase os días 25, 26 e 27 de setembro, en horario de 20.30 a 22.30 horas nas dependencias da Casa Dopeso e será totalmente gratuíto. O prazo de inscrición xa está aberto e hai que anotarse no IPPEC en horario de 8.00 a 14.30 horas ata o vindeiro 21 de setembro.