FERROL360 | Martes 7 xullo 2015 | 14:55
Durante a reunión entre os responsables da Asociación Arraigo e Beatriz Sestayo, levada a cabo na Casa Consistorial, a concelleira de Benestar Social, Muller e Festas trasmitiu a intención do Concello de Ferrol de intentar mellorar a situación actual a entidade, que non pode facer uso do espazo cedido en Recimil por problemas relacionados con obras no local.
Sestayo destacou a «magnífica traxectoria» da asociación dicindo que «ten amosado un compromiso inequívoco coas persoas en exclusión social». Falou tamén de que o anterior goberno da cidade pretendeu «invisibilizar» ao colectivo en exclusión social, mentres que o goberno de FeC e o PSOE recoñece esta situación e promete tamén «combatila» ata que estas persoas revirtan as súas condicións.
Para isto, a concelleira amosou o seu compromiso para que «se desbloqueen as trabas que teñen para a reforma do local, provintes de colapsos entre administracións inexplicable».
As obras no local, sito en Recimil, paralizaron fai seis meses o programa «Punto de encontro» co que traballaba Arraigo, polo que David Vivar, un dos responsables da asociación, insistiu en volver a poñer o proxecto en marcha sexa onde sexa.
Mentres estes problemas non se solucionen, Sestayo ofreceu como alternativa para que Arraigo leve a cabo a súa actividade, a Casa Solidaria. «Un centro público que estaba secuestrado polo goberno do PP para fins ben estranos ou mesmo pasividade», declarou.