Publicidad

Berros do Castro presenta este sábado en San Sadurniño Tanto Encanto Reunido

FERROL360 | Sábado 6 setembro 2014 | 12:30

Tanto Encanto Reunido é o último traballo da asociación Berros do Castro e preséntase este sábado na Casa da Cultura de San Sadurniño ás 20:00 horas. Este libro-cd busca condensar o son e a historia recente da música tradicional das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Así, ademais de mostrar o libro a entidade tamén interpretarán algunhas pezas.

Trátase un luxoso álbum fotográfico cos recordos a través do tempo da grande familia da música popular da comarca. Os Berros recopilaron imaxes de músicos e formacións, pero tamén partituras e gravacións incorporadas ao cd que se inclúe na contracapa do libro. Esta investigación formou parte da exposición itinerante Unha imaxe, unha melodía, un recordo e tamén do disco Eirexado S/N.

Agora a asociación actualiza aquel traballo con novos achádegos e cun formato para ter e escoitar na casa. O volume recolle imaxes de artesáns de instrumentos tradicionais, gaiteiros e acordeonistas solistas, grupos de gaitas, murgas e bandas de música que tiveron protagonismo no tempo de lecer das xentes da súa época en toda a volta.

Non será o último evento da entidade durante este mes de setembro, xa que o sábado 27 volven as Xornadas de Cultura popular Galega á Casa de Cultura, que nesta edición levan o título de De trompas, bichos e outras músicas.

Seguindo a estrutura das anteriores edicións, o encontro divídese en 3 bloques culturais. O primeiro bloque é de natureza expositiva, e nel inclúese a exposición “Unha ollada natural” que recolle os cadernos de campo e as ilustracións de guias da fauna e flora galegas do naturista ferrolán Calros Rodríguez Silvar.

O segundo dos bloques ten carácter didáctico e incorpora un obradoiro sobre recursos interpretativos para trompa galega. No terceiro dos bloques inclúense as actuacións de Che Vázquez e Francis Olivier Almeida -concerto de trompa galega-, do cuarteto de gaitas Xente Nova de Ferrol e unha conferencia-recital do grupo castelán JAMBRINA&MADRID, sobre a música tradicional transfronteiriza entre Galicia e Castela.

A entrada aos concertos é gratuíta. Porén, no caso dos obradoiros haberá que apuntarse previamente. Hai máis información no correo berrosdocastro@gmail.com.