FERROL360 | Domingo 10 xullo 2016 | 13:41
A programación cultural de Narón para os meses de setembro a decembro vén cargada dunha trintena de espectáculos para todas as idades e gustos. Desde a comedia con Berto Romero e Quique San Francisco, pasando polos espectáculos infantís ata a música de Noche Sabinera e da orquestra Panorama, que estreará un espectáculo musical.
O Padroado da Cultura de Narón aprobou na Xunta do Padroado a programación que se desenvolverá practicamente na súa totalidade no Pazo da Cultura. A vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, que indicou que o orzamento das actuacións contratadas desde a entidade para o segundo semestre de ano é de 117.488 euros.
No mes de setembro, chegarán ao Pazo da Cultura a compañía Chévere coa obra de teatro Eroski Paraíso, que conta a historia dunha parella que se coñeceu en Muros, tivo unha filla, emigrou e regresa a Galicia. Será o día 17.
Tamén nese mes terá lugar a estrea de Get back, da compañía Eme2 Emoción&Arte, que se poderá ver os días 23 e 24 e na que se abordan as historias dun grupo de galegos que vive en Londres. O día 30 subirán ao escenario do Pazo a Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá coa peza A Cervantina, baseada en poemas e novelas de Miguel de Cervantes.
Outubro
O grupo Pesdelán abrirá a programación do Pazo no mes de outubro co espectáculo Danza interior. Será o día 1 de outubro, A compañía Teatro do Atlántico fará o propio os días 7 e 8 para representar a obra Helena: xuízo a unha lurpia, unha producción que situará ao espectador nos tempos da mitoloxía grega e que artellará unha historia enlazándoa coa época actual.
O público infantil será o destinatario da obra Pulgarcito, que a compañía Teatro Paraíso representará o 9 de outubro e a fin de semana do 14 ao 16 de outubro será o turno das compañías Tertulia Produccións, Caramuxo Teatro e Choní Compañía Flamenca, que traerán ao cómico Quique San Francisco, as obras Zapatos –para o público infantil- e Flamenco tratado.
O día 22 será o turno de Kukai Dantza, coa obra Oskarra, que fai un completo repaso pola cultura do País Vasco. Os dous últimos espectáculos de outubro correrán a cargo de Ghazafelhos coa estrea de Rubicundo, o día 23, e da compañía teatral galega ButacaZero, que representará o día 29 a obra Voaxa e Carmín.
Novembro
O día 5 estarán no Pazo Quique Peón e Cía. e Xacarandaina, con O poder do arcabuz, un espectáculo de danza tradicional sobre a Revolución Irmandiña de Galicia na Baixa Idade Media. O día 12 será o turno de Etiqueta Negra, co espectáculo Berto Romero sigue con nosotros, cargado de humor, música e baile e protagonizado polo humorista cuxo nome leva o evento.
O concerto que leva por título A festa son eu!!!, para público infantil, chegará tamén o día 12 de novembro a Narón, nesta ocasión ao local social de Doso, donde actuará o grupo musical O Sonoro Maxín.
O teatro e a música serán de novo os protagonistas os días 19 e 20, con Pentación Espectáculos e Tertulia Producción, que traerán respectivamente a obra La asamblea de las mujeres –dirixida por Juan Echanove e con María Galiana, Pastora Vega e Sergio Pazos entre o seu elenco- e o espectáculo Noche Sabinera, onde se fará un repaso pola discografía de Joaquín Sabina.
A finais de novembro, o día 26, a compañía Teloncillo protagonizará o espectáculo Muuu…, dirixido a nenos e nenas de máis de seis meses e no que se interpretarán varias cancións populares. Nova Galega de Danza traerá a Narón o día 26 o espectáculo Son, cunha decena de coreografías sobre fusión de danza tradicional galega con flamenco e baile contemporáneo.
Decembro
No mes de decembro desenvolveranse os sete últimos espectáculos previstos nesta programación do Padroado da Cultura. Os días 2 e 3 a orquestra Panorama estreará un espectáculo musical e o día 4 Tertulia Producción representará Aventura Canina, dirixido especialmente ao público infantil.
A obra Raclette, de Ibuprofeno Teatro, representarase o día 10 e a fin de semana do 17 e o 18 terán lugar, respectivamente, o concerto The Tambourine man, con Xabier Díaz&Adufeiras de Salitre, con temas tradicionais galegos e en castelán, e a representación de Pinocho, de Educateatro Produccións.
Na xornada do 22 de decembro terá lugar un novo concerto, nesta ocasión de góspel, a cargo de South Carolina Ghospel Chorale. Tamén participará o Coro Solidarium Terra de Trasancos, integrado por alumnado do citado instituto naronés. Finalmente, o 28 de decembro a compañía Concerlírica representará La bella durmiente.
A vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marían Ferreiro, asegurou que se trata dunha serie de espectáculos «moi variados cos que desde o Padroado queremos ofrecer unha oferta de interese para públicos de todas as idades e abordando diferentes xéneros».
Ferreiro aludiu ao respecto á calidade das actuacións musicais, teatrais e de danza que se desenvolverán ata finais de ano e avanzou que «a programación do Padroado incluirá novos espectáculos que poderán contratarse nos vindeiros meses, a maiores dos xa aprobados na Xunta do Padroado da Cultura».