FERROL360 | Venres 2 agosto 2013 | 18:54
Esta fin de semana Cabanas acollerá unha chea de eventos, tanto culturais como deportivos, organizados todos eles arredor da tradicional Romaría de Santa Marta, e que converten á praia e piñeiral da Madalena en centro de atención da bisbarra.
Este sábado, ás 11:00 horas, dará comezo unha nova edición do Torneo de Balonmán Praia, que con esta alcanzará a súa quinta edición. Trátase dunha actividade que se foi consolidando e que agora é un reclamo para equipos procedentes non só de Galicia, senón tamén do resto de España.
Tomarán parte un total de nove equipos, coa novidade da participación por primeira vez dun equipo feminino. Os partidos terán lugar na praia da Madalena, estando previsto que a final se leve a cabo ás 20:00 horas. Nos descansos entre os encontros que se celebren, terán lugar distintas exhibicións deste deporte.
Tamén ás 11:00 horas, e no mesmo areal, dará comezo o quinto Concurso de Castelos de Area, no que poderán participar todos os que así o desexen. O prazo para levar a cabo as obras rematará ás 13:00 horas, cando se procederá á entrega de premios.
O domingo o deporte tamén terá a súa importancia. Esta vez, o escenario será o circuito de cross do piñeiral da Madalena, onde a partires das 11:00 horas comezarán a celebrarse as diferentes probas que comporán o XXIV Cross Popular de Santa Marta, unha proba que no ano pasado chegou a congregar a máis de cincocentos participantes.
Tamén haberá tempo para a cultura na xornada do domingo. Deste xeito, ás 13:30 horas terá lugar unha actuación a cargo do dúo Acordes. Logo, ás 17:30 horas, será a quenda de Airiños do Frade, e ás 18:30 horas da rondalla Estrelecer, para rematar ás 20:30 horas coa actuación de Dj Sardi.
Debate sobre el post