FERROL360 | Martes 17 febreiro 2015 | 15:15
Nata, merengue, biscoito, chocolate, freixós… Cabanas encherase destes deliciosos olores este sábado 21 de febreiro. E é que Cabanas Rural Asociación de Mulleres organiza a VII edición de Larpeiradas. A cita será a partir das 16:00 horas no pavillón de Lavandeira.
As persoas que desexen inscribirse neste concurso de sobremesas poden facelo a través do teléfono 659 620 948 en horario de 11:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas ou ben a través do enderezo electrónico cabanasrural@gmail.com.
A recepción dos postres será das 16:00 até as 17:00 horas e, unha vez o rexistro se dea por pechado, os membros do xurado procederán a valorar a presentación, a orixinalidade, o sabor e o premio do Entroido de cada un dos pratos presentados a concurso.
Haberá un total de catro premios: á presentación, á orixinalidade, ao sabor e o premio do Entroido. Despois das valoracións, a partir das 18:30 ou 19:00 horas, todos os presentes poderán probar as sobremesas. Por iso é condición indispensable que as larpeiradas sexan aptas para o seu consumo.
A partires das 19:00 horas terá lugar a entrega dos premios aos galardonados. O xurado estará formado por un representante de cada unha das formacións políticas que forman parte do Concello. Deste xeito, a entidade quere que os políticos compartan tempo de lecer cos veciños deixando a un lado as inclinacións ideolóxicas de cada un e tomando catro decisións ben doces.
A vicepresidenta de Cabanas Rural fará de cicerone dos membros do xurado nunha xornada creada con ánimo de convivencia, colaboración e moitas ganas de pasalo ben. Todo isto aderezado cun cesto de piñata que contará con 600 cintas, todas elas con algún agasallo.


