FERROL360 | Mércores 2 decembro 2015 | 19:55
O cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, mantivo este mércores un encontro cos traballadores do sector naval e industrial de Ferrolterra para explicar as propostas e medidas que presentan ás Eleccións Xerais do 20-D.
Callón asegurou que NÓS non terá «límites» á hora de defender os intereses do sector naval da comarca, porque «non imos estar condicionados e menos subordinados á estratexia de ningún grupo parlamentario estatal», resaltou.
Neste senso, o candidato salientou que «non imos permitir nunca que nos digan que non toca defender o naval de Ferrol» e explicou que continuarán o traballo do BNG no Congreso defendendo en Madrid que «os centros de Navantia na comarca teñan autonomía de xestión».
Entre as propostas incluídas no programa de NÓS para as Eleccións Xerais, Callón fixo fincapé na necesidade de recuperar «unha certa autonomía que permita unha xestión máis territorializada e descentralizada das plantas de Navantia en Ferrol e Fene».
Tamén apostou por rexuvenecer os cadros de persoal e iniciar un plan xeneralizado de formación das novas incorporacións nos procedementos da industria offshore no estaleiro de Fene e na súa industria auxiliar.
Callón entende que hai que desenvolver unha estratexia comercial para impulsar a construción naval civil en Fene. «A día de hoxe é como se o veto a antiga Astano seguise en vigor, porque a efectos de carga de traballo non se notou o fin da prohibición», concluíu o candidato.
En canto a Navantia Ferrol, dixo que «esmorece sen contratos, tanto no eido militar como na fábrica de turbinas, e sobrevive apenas na actividade no departamento de reparación».
É posible mudar esta situación, sentenciou Callón, e para iso é preciso ter voz propia no Congreso, «porque nun escenario sen maiorías absolutas é posible conseguir resultados en beneficio dos intereses dos sectores produtivos galegos como o naval», sentenciou.