FERROL360 | Luns 14 decembro 2015 | 18:36
O cabeza de lista por NÓS-Candidatura Galega pola Coruña, Carlos Callón, reclamou á dirección de Navantia reparto de carga de traballo para que dous dos catro petroleiros que ten en carteira se constrúan nos estaleiros de Ferrolterra, «para que exista unha distribución equitativa entre todos os centros de produción».
Nunha xuntanza con traballadores das empresas auxiliares do naval este luns, Callón indicou que esta distribución daría un respiro aos centros de produción de Fene e Ferrol pero tamén ás firmas coas que subcontrata.
Neste senso, chamou atención sobre o feito da revisión de cadros de persoal anunciado para 2016 nun contexto en que os estaleiros do sur terían carga de traballo a diferencia dos centros galegos, «o que pode ser utilizado de argumento para afondar nos recortes de persoal nos estaleiros da comarca».
Ademais, Callón abordou cos traballadores das auxiliares a estratexia de Navantia de tirar á baixa as condicións de contratación que está impoñendoás empresas, «o que conleva un deterioro tamén das condicións laborais» e, igualmente, pide a Navantia que priorize as firmas da comarca.
Debate sobre el post