FERROL360 | Martes 30 marzo 2021 | 21:53
O libro-disco Cantando a Carvalho Calero preséntase este vindeiro mércores ás 18:00 horas no salón de actos de Afundación de Ferrol. Trátase dun proxecto promovido polo profesor José Luis Fernández Carnicero, que sae do prelo co apoio da Xunta de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.
Concibido como un recurso de grande interese para o ámbito educativo, de xeito especial para o profesorado de lingua galega e literatura e para o especialista en educación musical, este proxecto ten «grande vontade pedagóxica, a mesma que desenvolveu Carvalho Calero desde a súa faceta como docente», explican.
A presentación dará comezo coa proxección dun vídeo homenaxe e participarán a presidenta do Club, Julia Díaz Sixto; o profesor da Universidade de Vigo e especialista en Carvalho, Martinho Montero Santalha; a profesora Pura Galán Boutureira representando á Secretaría de Política Lingüística da Xunta, e un dos membros do grupo que pon música ao libro, José Fernández Carnicero.
Agualevada é o nome do grupo formado por Fernández Carnicero e Xico Paradelo, que interpretarán varios dos temas. Debido as medidas contra a Covid cómpre reservarse entrada no correo electrónico comunicacion@clubdeprensadeferrol.comou no teléfono 600 991 301.