FERROL360 | Mércores 24 setembro 2014 | 13:35
O BNG de Ares convoca unha caravana automobilística para este sábado 27 de setembro co fin de reclamar a urxente execución do proxecto da estrada Ares-Chanteiro. Os participantes na mobilización sairán ás 12:00 horas da Praza da Rega, en Chanteiro.
Os nacionalistas explican que esta obra afecta á seguridade dos habitantes de Chanteiro, Cervás, Lubre e Ares. «Ademais dos milleiros de persoas que utilizan o vial, nomeadamente na tempada do verán», señalan desde o BNG nun comunicado.
Asimesmo, lembran que levan 15 anos demandando este proxecto á Deputación de A Coruña e que o pasado ano «como resultado da presión veciñal» o organismo provincial destinaba 1’2 millóns de euros para abordar a primeira fase da obra. Nembargantes, os nacionalistas denuncian que o proxecto está «aparcado» por falta de vontade política.
Tamén critican desde o BNG o «sospeitoso silencio» do goberno municipal co retraso na execución das obras, que son a única solución real e efectiva á situación da estrada. Por iso o BNG chama á mobilización da veciñanza a esixir a execución dos compromisos adquiridos no seu día.
Debate sobre el post