FERROL360 | Xoves 23 febreiro 2017 | 10:53
Este venres, 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía de Castro e cúmprense 180 anos do seu nacemento. Para conmemorar unha data tan especial, hai organizados varios actos entorno á figura da escritora galega máis universal. Así, haberá entrega de caraveis vermellos, contacontos e obradoiros, entre outros.
En Narón, a programación dará comezo ás 12:00 horas coa lectura dunha serie de textos de Rosalía de Castro nas instalacións da Biblioteca municipal e na que participarán edís do Concello, persoas a título particular e a actriz Flor Maceiras, que lerá un manifesto redactado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Xa ás 20:00 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura, terá lugar a presentación audiovisual e a presentación do libro Airiños Aires de Rosalía, do fotógrafo galego Xurxo Lobato, na que se evoca a vida e obra de Rosalía de Castro.
Como novidade, este ano oito librarías da localidade –Albatros, Breogán, Contos, Cousas, Day, Galicia, Nany e Nova- agasallarán cun caravel vermello a todas aquelas persoas que merquen un libro escrito en galego. Esta mesma proposta trasladarase á Biblioteca municipal, de xeito que as persoas que leven prestada algunha publicación escrita en galego recibirán un caravel vermello.
Actividades en Ferrol
O Antigo Hospicio acollerá este venres unha sesión de contacontos ilustrado para cativos a partires dos tres anos. Será ás 19:00 horas e o acceso é libre e de balde ata esgotar o aforo. Terá unha duración estimada de 60 minutos para falar e debuxar a vida e obra de Rosalía de Castro.
A actividade rematará cun obradoiro de ilustración no que cada asistente realizará unha caricatura de Rosalía. Os nenos participantes recibirán un agasallo como lembranza da súa participación e esforzo.
No Ateneo Ferrolán celebrarán un acto este venres, ás 20:00 horas, no que participarán Rosa Martínez, Aurora Varela, Antón Cortizas e Rosa Méndez. O acto está aberto á participación e desde a entidade animan á veciñaza a sumarse e ler algún poema da nosa ilustre autora.
Moeche e Neda
Neda únese á celebración deste día dando a coñecer poemas da autora entre a poboación e colocando unha banda na balconada da Casa do Concello na súa homenaxe. Ademais, no IES Fernando Esquío traballarase coa súa poesía e a súa imaxe nun obradoiro de pintado de camisetas e chapas.
Moeche conmemorá o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 2 de marzo, pola coincidencia co Entroido. Co fin de maner vivo o seu legado entre os máis novos, desenvolveranse dous obradoiros para os menores do municipio.
Así, para nenos de 3 a 7 anos haberá o obradoiro A paisaxe de Rosalía, que consiste nun percorrido pola infancia de Rosalía a través da súa obra coa realización dun mural.Para os menores de 8 a 12 anos, desenvolverase o obradoiro Rosalía na miña camisola, no que os participantes recibirán unha camisola na que debuxarán unha imaxe baseada nuns versos de Rosalía que eles escollan.
Debate sobre el post