FERROL360 | Xoves 30 xullo 2015 | 17:58
A festa está asegurada este sábado en Cariño coa celebración de dous dos eventos máis importantes do municipio, a XIV Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada e a XXV Mostra da Canción. Día de celebración no que non faltará a música, a boa gastronomía e mesmo un mercado de oportunidades.
A Praza Roxa de Cariño, no paseo marítimo, acollerá a partires do mediodía a celebración da Festa da Caldeirada e da Sardiña Lañada. As racións de caldeirada de peixe será a 7 euros e de sardiñas lañadas a 5 euros. O prezo é por persoa e inclúe pan e viño.
Haberá unha carpa cuberta con mesas e cadeiras para poder gozar da xornada, que estará amenizará por un grupo musical. Ademais, celebrarase o VI Mercado de Oportunidades organizado polo comercio local nas inmediacións da Praza Roxa.
Xa pola tarde, a partires das 20:00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a XXV Mostra da Canción. Un festival de corais organizado pola Coral Polifónica de Cariño.