Publicidad

Cariño recupera os xogos tradicionais galegos

Tres en raia (Foto: Ferrol360)
Tres en raia (Foto: Ferrol360)

FERROL360 | Xoves 4 xullo 2013 | 11:08

Ábrese o prazo para inscribirse no obradoiro de xogos tradicionais galegos que terá lugar a partires do vindeiro sábado 6 de xullo.

Os xogos populares son transmitidos de xeración en xeración, favorecendo un alto valor educativo e fomentando a interrelación entre maiores e pequenos. «Xoga con Cariño» é unha actividade destinada a persoas maiores e a nenos e nenas, que se desenvolverá ao longo de catro sesións durante os sábados do mes de xullo. Nas dúas primeiras, -os días 6 e 13- a xente maior lembrará as técnicas da billarda, a chave ou a rá, e nas dúas seguintes, -o 20 e 27- compartirán as súas experiencias cos nenos e nenas participantes.

O que se pretende é potenciar o recordo a través da actividade lúdica con xogos populares como a mariola, o pano, a petanca, o aro, o tres en raia ou o tiro ao bote.

A inscripción nesta actividade é de balde e poderá facerse na Casa do Concello. Os xogos comezarán cada sábado ás catro da tarde no pavillón polideportivo municipal de Cariño.