FERROL360 | Venes 20 setembro 2019 | 17:10
O goberno de Cedeira valora moi satisfactoriamente o balance da campaña estival, que levou a case 7.000 persoas a visita a vila durante os meses de verán. Para o alcalde, Pablo Moreda Gil, a campaña foi «excepcional».
Agosto foi o mes con máis visitantes na Oficina de Turismo, cun total de 3.287 visitantes. Polo castelo da Concepción, entre a segunda quincena de xullo e a primeira do presente mes, pasaron 5.670 persoas. Só en agosto, o número de visitantes rondou os 3.300, o que converte a esta fortificación nun importante polo de atracción turística da vila.
Neste senso, o goberno municipal anuncia que se atopa en fase de licitación a obra que remodelará a área expositiva do castelo e coa que se pretende que veciños e visitantes poidan desfrutar e coñecer de primeira man o patrimonio local e o conxunto arqueolóxico descuberto en Punta Sarridal. O investimento ronda os 40.000 euros.
Bos resultados tamén do programa de Xeorutas, no que este verán tomaron parte un total de 507 persoas. Esta cifra representa un incremento dun 1,4 % con respecto ao ano pasado e chega ata o 15 % se se compara cos datos da primeira edición.
O equipo de goberno valora a tendencia de participación sempre alcista dunha iniciativa coa que se trata de facer da xeoloxía un reclamo máis do potencial turístico e natural do territorio e considera así mesmo que as saídas guiadas xa forman parte da oferta que o Concello de Cedeira ofrece aos visitantes tanto nos meses de verán como durante os días de Semana Santa.
A ruta das praias negras e a denominada granate son as que seguen a despertar un maior interese por parte do público, cunha ocupación do 100 %, unha cantidade á que tamén se aproximaron as tres restantes: litoral, cantís e cromo.
Ademais, a metade das persoas que fixeron un percorrido este ano levaran a cabo outro con anterioridade, polo que non se descarta que, cara a próximas edicións, habería que incrementar a oferta para evitar o estancamento dunha actividade que, desde a súa posta en funcionamento, leva contabilizados máis de 2.000 participantes.
Debate sobre el post