FERROL360 | Domingo 31 xaneiro 2016 | 18:36
Os programas de Formación impulsados desde o Concello de Narón permitiron ofrecer diferentes cursos durante o pasado ano a un total de 927 persoas. En total, impartíronse corenta modalidades distintas de cursos que supuxeron 5.044 horas. Entre eles atópanse os cursos do programa municipal Habilita e os de Cemit Rural.
A concelleira de Formación, Natalia Hermida, sinala que a «aposta do goberno local pola formación queda máis que constatada con estes datos». Indica a edil que os cursos teñen o fin de mellorar os coñecementos do alumnado en diferentes áreas para que estean nas mellores condicións posibles a nivel formativo á hora de atopar un traballo.
No marco do programa Habilita 2015 convocáronse 24 cursos o pasado ano, nas modalidades de Inclusión Tecnolóxica; Ámbito Interprofesional; Innovación e Emprendemento e Iniciación Profesional.
«Con este programa municipal pretendemos atender diferentes obxectivos, adaptando o máximo posible a formación ás necesidades e á demanda dos potenciais alumnos e alumnas», explicou Natalia Hermida.
Zona rural e AFD
Na zona rural impartíronse seis cursos sobre informática e redes sociais durante o primeiro semestre do pasado ano, co fin de acercar tamén as novas tecnoloxías aos veciños e veciñas do rural e evitarlles ter que desprazarse á zona urbana para poder asistir a este tipo de cursos.
Ao longo de 2015 tamén se convocaron tres cursos da programación de Acción Formativa para Desempregados (AFD), subvencionados pola Xunta e con certificado de profesionalidade, nesta ocasión, sobre carpintería e atención sociosanitaria.
«Trátase dunhas convocatorias moi específicas e que tentaremos ir incrementando co paso do tempo, como demostra o feito de que xa solicitamos á administración autonómica novas homologacións, co fin de poder ofrecer máis certificados de profesionalidade», apuntou a edil.
Territorio do Emprego
Os programas integrados para o emprego Territorio do Emprego, subvencionados tamén pola Consellería de Traballo e Benestar e solicitados a través da Mancomunidade para o curso 2014/2015 e 2015/2016, permitiron ofrecer orientación, formación e prácticas laborais en empresas durante un ano a un total de 94 persoas desempregadas de Narón a través dun total de sete cursos.













Debate sobre el post