FERROL360 | Martes 10 maio 2016 | 17:27
Un total de 29 proxectos e ideas emprendedoras competirán o vindeiro 27 de maio na III edición de As Pontes Emprende. Uns galardóns que premiarán aos mellores proxectos reais desenvolvidos por sociedades ou autónomos, categoría á que se presentaron 20 iniciativas empresarias, e á mellor idea emprendedora, no que concorren cinco proxectos.
Como novidade, nesta edición incorpórase a categoría de Ideas Emprendedoras de Estudantes, que logrou reunir un total de catro proxectos. Desde a organización salientan a gran calidade de todos e cada un dos proxectos e ideas, así como a súa diversidade, que abranguen sectores coma o comercio, o turismo, os servizos, a alimentación e actividades vencelladas co sector primario.
Ao longo desta semana, os candidatos están a defender ante o xurado cada unha das súas propostas. Pero non será ata o 27 de maio cando se dea a coñecer o nome dos gañadores nunha gala no Auditorio Municipal Alovi.
No tocante aos premios, os dous mellores proxectos emprendedores constituídos no ámbito territorial do noso concello, tanto por autónomos coma por empresas, levarán como agasallo un bono formativo.
Con respecto á categoría de Ideas Emprendedoras, a mellor farase con 300 euros a canxear por material de ofimática, nos comercios da localidade; e para a categoría de ideas emprendedoras de estudantes contarase con dous premios de 300 euros en servizos ou material escolar: un para a mellor idea de Educación Primaria e outro para a categoría de Secundaria.
O certamen está organizado polo Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC) en colaboración coa Asociación Seara, Aje Ferrolterra, Euroeume e a Asociación de Comerciantes, Empresarios e Hostaleiros de As Pontes.
Debate sobre el post