FERROL360 | Sábado 26 maio 2018 | 20:07
O Concello de Cedeira presentou a segunda edición do Festival de Música Galego-Portuguesa, que este ano difúndese baixo o lema «Traz outro amigo tambén» e cuxa temática será a lusofonía. O programa terá lugar os próximos días 15, 16 e 17 de xuño.
O noso idioma e mailo portugués non só terán presenza nas actuacións musicais, senón que tamén se falará nas distintas charlas e obradoiros que conforman unha completa programación que pretende estreitar lazos de amizade co país veciño coa música coma instrumento de unión, encontro e transformación social.
Os actos comezarán o venres 15 as 18:00 horas na sala Áncora cun obradoiro de danza africana impartido por Marta Coutinho e un concerto de Luiz Caracol, (músico, cantor e autor portugués) ás 21:00 horas, no auditorio municipal.
O sábado, e tamén na sala Áncora, terá lugar as 18:00 horas un obradoiro de canto alentexano con Celina da Piedade, acordeonista, cantora e compositora. Ás 20:30 horas tocará no auditorio Couple Coffee, unha banda formada por músicos brasileiros residentes en Portugal.
Pechará a xornada do sábado a cantante galega Uxía a partir das 22.00 horas cun concerto no mesmo escenario.
O domingo será o último día do Festival Galego-Portuguesa e rematará cun concerto de Celina da Piedade acompañada polos asistentes ao obradoiro.
Ademais dos concertos haberá charlas todos os días nas que se abordarán temas coma as normas ortográficas reintegracionistas ou o uso normalizado, entre outras. Os encontros son gratuítos e abertos ao público en xeral e terán lugar no palacete municipal as 19:00 horas do venres e ás 12:00 horas tanto sábado coma o domingo.
No caso dos obradoiros é necesario inscrición previa e pode facerse a través do correo electrónico enrique.vazquez@cedeira.es, no WhatsApp 673 223 414 e tamén de maneira presencial na oficina de Turismo de Cedeira.
As entradas aos concertos poderán retirarse no auditorio os días das actuacións dúas horas antes da entrada ao recinto.
Debate sobre el post