FERROL360 | Sábado 14 abril 2018 | 15:46
O Concello de Cedeira premiou o esforzo e valores dos seus deportistas na XVII Gala do Deporte de Cedeira celebrada na noite do venres nun ateigado pavillón municipal. O protagonista principal da noite foi o remeiro Raúl López Iglesias que foi premiado como Mellor Deportista Cedeirense do 2017.
López Iglesias foi campión galego e medalla de ouro no campeonato galego de Remoergómetro celebrado en Ferrol na categoría individual. Ademais, tamén foi campión por equipos e medalla de ouro na mesma disciplina. Con respecto o Campionato de España celebrado en Banyoles, en Girona, o deportista cedeirense conseguiu unha medalla de prata e o subcampionato de España.
No acto, o alcalde, Pablo Moreda Gil, agradeceu os homenaxeados e premiados a súa presencia así como a de Joaquín Montero Gómez, actual campeón de España de Remo Olímpico. No transcurso da Gala do Deporte de Cedeira houbo mencións especiais e premios para os máis de trinta deportistas locais nas disciplinas de natación, triatlón, atletismo, karate, fútbol, remo e deporte adaptado.
Finalmente, o rexedor local lembrou a importancia de practicar unha actividade física para apostar por unha vida máis saudable, ademais de sinalar o alto nivel do deporte local con nomes moi destacados en cada disciplina tanto a nivel autonómico como nacional.