FERROL360 | Martes 24 xullo 2018 | 9:58
Cedeira celebrará este xoves a festividade de Santa Ana, que é, por certo, festa local. Con motivo da conmemoración hai unha chea de actos a partir das doce do mediodía. A esa hora dará comezo unha misa solemne, na que a parte musical correrá a cargo da coral Virxe do Mar.
Ao seu remate sairá a procesión que percorrerá algunhas das principais rúas da zona vella, co acompañamento musical da banda Vila de Cedeira. Dita formación ademais ofrecerá un concerto como remate do programa matinal.
Xa pola tarde-noite, a praza Roxa acollerá a tradicional verbena, que inclúe a actuación da orquestra Principal. O Concello de Cedeira invita á veciñanza e aos moitos turistas que estes días están a gozar
dunhas xornadas de descanso na vila a sumarse coa súa presencia a estas celebracións.
Presentación Revista
Por outra banda, o Concello de Cedeira colabora coa Asociación Terras do Ortegal para a presentación dun novo número da revista Terras do Ortegal, que será este martes nas instalacións do Palecete municipal. O acto dará comezo ás 20.30 horas e no mesmo participará a concelleira de Cultura e Turismo, María Xosé Rodríguez Pérez.














Debate sobre el post