FERROL360 | Venres 14 novembro 2014 | 20:00
Os veciños de Cedeira pagarán menos no ano 2015 polos recibos do Imposto de Bens Inmobles e o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica, rodaxe. Deste xeito, o tipo impositivo do IBI pasará do 0,55 actual ao 0,53 para os bens inmobles urbanos e ao 0,48 nos de natureza rústica.
En canto ao rodaxe, exceptuando os vehículos de alta cilindrada, a rebaixa media oscilará entre os tres e os cinco euros. A proposta foi aprobada en pleno, onde tamén saiu adiante a iniciativa de reducir a taxa que pagan os locais hosteleiros da vila pola instalación das terrazas en vía pública.
Neste caso, a reducción varía en función do espazo ocupado ou o mobiliario disposto. Con esta medida preténdese potenciar o sector servizos. Despois da súa aprobación en pleno, a tramitación continuará coa publicación en diario oficial destas modificacións das ordenanzas e, a intención do goberno municipal, é que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2015.
O pleno tamén deu luz verde ao levantamento dos reparos sobre dúas importantes actuacións: a rehabilitación da Sala Áncora como Espazo Xoven e o acondicionamento do entorno da igrexa de Piñeiro. No primeiro caso, as obras permitirán dotar a Cedeira do seu primeiro espazo exclusivo para a mocidade e a intervención está valorada nuns 50.000 euros.
De igual xeito, o Concello levará tamén a cabo obras de acondicionamento do entorno da igrexa parroquial e cemiterio de Piñeiro.