Publicidad

Cerdido pon a disposición dos rapaces tres prazas para participar nos campamentos deportivos da Deputación

FERROL360 | Mércores 6 maio 2015 | 18:58

O Concello de Cerdido ten concedidas tres prazas para que rapaces do municipio participen nos campamentos deportivos que organiza a Deputación de A Coruña durante o mes de xullo. Esta actividade está dirixida a rapaces nacidos entre o ano 1998 e o ano 2005, ambos incluídos.

Haberá dúas quendas, unha para os rapaces nacidos entre os anos 2001 e 2005, que participarán no campamento entre o 5 e o 11 de xullo. E os nacidos nos anos 1998, 1999 e 2000 participarán nos campamentos entre o 19 e o 25 de xullo.

Entre as actividades que os participantes poderán realizar nos campamentos destacan os deportes náuticos, equitación, paseos a cabalo, multiaventura, kaiaks, orientación, piragüismo, paseos en barco, tenis, voleibol, fútbol 7, baloncesto, batuka, capoeira, hip-hop ou visitas culturais.

A cota de inscrición é de 85 euros por participante e inclúe transporte interno, estadía, manutención e todos os gastos xerados polas actividades programadas. Os interesados poderán recibir máis información no Concello, onde deberán formalizar a súa inscrición antes do 29 de maio. En caso de que o número de solicitudes supere ao número de prazas, farase un sorteo público.