Publicidad

Cerdido solicita a realización de novas batidas disuasorias polos danos ocasionados polo xabarín

FERROL360 | Domingo 19 xuño 2016 | 11:23

Logo das reclamacións da veciñanza polos danos que está a ocasionar o xabarín en prados e cultivos, o Concello de Cerdido vén de solicitar á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a realización de novas batidas disuasorias dentro do protocolo de actuación de medidas disuasorias iniciado o mes pasado.

Desde o Concello indican que a pesares da colaboración do TECOR para o desencame dos xabaríns mediante cans, os danos persisten e nalgún caso son xeneralizados. Por iso o goberno local pide autorización para levar a cabo medidas como as batidas disuasorias, a extración de individuos mediante esoperas e batidas.

No municipio estanse a rexistrar perdas e danos nos cultivos de millo, patacas e prados. Desde o Concello sinalan que «creemos que e posible a convivencia da actividade cinexética co aproveitamento agrícola dos terreos, pero que se deben tomar medidas encamiñadas a reducción e control desta especie».

A dirección Xeral de Conservación da Natureza xa procedeu a dar traslado ao Servizo Provincial da Coruña desta solicitude, polo que o goberno local «agardamos unha vez máis a colaboración dos axentes implicados, tanto administración como Sociedade de Caza para tentar paliar esta problemática».