E.D.SALGADO | Fene | Xoves 24 agosto 2017 | 17:17
«Despois de rematar a escola en Gade Escale, aos doce anos, marchei para Diourbel, a capital da provincia, a unha hora e media cara ao sur, para seguir estudando. Logo fun para Saint-Louis, outra provincia, no norte, a unhas tres horas da miña aldea. Saint-Louis é un porto pesqueiro duns cento cincuenta mil habitantes. Rematei o bacharelato en Dakar, na capital do país, a dúas horas cara ao oeste desde Gade Escale. Alí entrei na universidade. Os meus amigos dicíanme que estudase portugués, porque se me daba ben. Elixín Xeografía e Historia. Quería ter unha visión ampla do mundo. Quería seguir o camiño dun humanista».
Así se presenta Cheikh Fayé, un senegalés de 55 anos que leva tres lustros residindo na Coruña, procurando cartos que enviar de cando en cando á súa familia en Gade Escale. O fragmento corresponde a un dos primeiros textos do seu libro Ser Modou Modou, editado pola Asociación Socio Pedagóxica Galega e que se pode mercar nesta web. Tamén está nas librarías e este venres haberá unha presentación en Ferrol, na Fundaçom Artábria ás 20.30 horas.
Ser Modou Modou foi no inicio este blogue que se converteu en libro en xuño e dous meses despois é coñecido en medio país. «No norte, basicamente na área da Coruña, que é onde me movo, digamos que desde Ortigueira a Muros, unha vez ao ano vou a Lalín e, polo San Froilán, a Lugo», conta Cheikh, que este verán tamén ofrece seu libro na súa tenda de xoguetes, puchos, cintos e carteiras.
E.D.SALGADO – Por que un vendedor ambulante decide escribir a súa historia?
CHEIKH FAYÉ – Eu escribo pola integración. Porque quero entender e explicar o que pasa coa nosa comunidade, por que chegamos até aquí e como nos sentimos. Non fun sempre vendedor ambulante. Fun mestre alá en Senegal. Traballei na ferralla aquí en Galiza. Pero a crise… E tamén escribo porque como digo nese texto que citas, quero contar a historia desde o punto de vista dos leóns, até agora case sempre se contou desde o punto de vista dos cazadores. É unha expresión de Cheikh Anta Diop, un humanista senegalés ao que admiro profundamente.
EDS – Estes días o Islam volve a estar en cuestión, que pensa do que está pasando?
CF – O Islam é unha relixión fundada na axuda mutua que ten como obxectivo a paz. Iso sosteño en varios capítulos do libro. Os terroristas non son o Islam. Nin sequera se lle debería relacionar coa xihad. A xihad significa obrar para facer ben á humanidade. Non xustifica asasinatos nin guerras. Ese é o significado orixinal. Os actos terroristas como o de Barcelona teñen que ver con outros problemas. Despois dos atentados en París, Macky Sall, presidente do Senegal, dixo que aquilo fora unha catástrofe para a humanidade. Un fracaso colectivo.
EDS – Sufriu algunha vez racismo en Galiza?
CF – Hai casos. Pero en xeral, a galega é unha sociedade acolledora. Cando viña cara España, pensara en buscar traballo en Murcia. Topei cun senegalés que me dixo que se tiña algún familiar en Galiza que viñera aquí, porque o sur estaba cheo de inmigrantes e había moitos problemas, mesmo racismo. Aquí non. Quizá pola tradición de pobo inmigrante. Hai unha crenza en Senegal que di que se ti axudas a alguén, esa boa acción será recompensada nalgún dos teus fillos ou parentes cando eles precisen axuda. Eu tiven axuda da xente de aquí. Algunha vez mesmo xente de aquí me defendeu diante de conductas racistas.
EDS – É vostede o primeiro senegalés que publica en galego e faise chamar senegalego, como é iso?
CF – Falareille doutro dos humanistas senegaleses que me serven de guía, Léopold Sédar Senghor, que foi o primeiro presidente trala independencia. Dicía que integrarse é abrirse. O primeiro que che fala a xente aquí é galego. E penso que para coñecer calquera sociedade hai que tratar de entender o seu idioma. Iso fago. E son senegalego porque estou a medio camiño entre alá e aquí, como a maioría de nós, os inmigrantes.
EDS – E que pensa da lingua galega, outra cuestión que sempre está presente?
CF – Pois vexo que hai unha certa crise de falantes e que non está moi presente nos medios de comunicación. Co wolof, a miña lingua materna, sucede algo parecido. O wolof segue sendo lingua da familia, niso está mellor co galego. Pero non ten escrita, niso está peor.
EDS – Que espera que descubra unha galega ou un galego nun libro que fala de Senegal?
CF – Nestes textos está a vida dun vendedor ambulante, que son eu. Falo dos meus problemas e das miñas relacións co resto da xente. Tamén falo de como vexo o país. Penso que podes encontrar no libro moitas cousas que nos unen aos galegos e os senegaleses, que somos culturas labregas, mariñeiras e emigrantes.
EDS – Hai case tanta política como reflexións sobre a familia ou a vida. É tan importante a política?
CF – Eu creo que para integrarse nunha comunidade hai que coñecer o idioma, abrirse, e tamén hai que participar da vida da comunidade. Implicarse en política é importante para colectivos coma o dos inmigrantes. As leis non nos axudan e temos que axudar a cambialas.
EDS – Que quixo subliñar no título?
CF – Modou modou é a expresión coa que se coñece en toda Europa aos inmigrantes africanos. No libro quixen explicar que significa ser inmigrante en Europa.
EDS – E como é?
CF – Pois é unha vida dura, como a de calquera que está lonxe da súa familia, coma a de calquera pobre. Un sempre matina en volver. Antes da crise podías pensar en traer á familia aquí. Pero hoxe…
Debate sobre el post