FERROL360 | Venres 3 novembro 2017 | 19:18
A área de Servizos do Concello de Fene reforzouse esta semana con cinco persoas máis que desenvolverán tarefas de mantemento en espazos públicos durante os próximos sete meses. Forman parte do plan de emprego financiado pola Xunta para persoas perceptoras da renda de inserción social de Galicia, coñecida como RISGA.
Con esta nova incorporación temporal, o Concello eleva a 47 o número de participantes nos programas formativos e de mellora da empregabilidade que ten en marcha, o Inicia II, o Reinicia IV e o PIL provincial.
Este venres xa se puxeron mans á obra para retirar herbas e terra acumulada tanto na praza do Alcalde Ramón Souto González como nas beiras do paseo fluvial do Cádavo.
O alcalde, Juventino Trigo, salienta que «esta é a primeira vez na que Fene conta con dous obradoiros de emprego ao mesmo tempo», xa que o Reinicia IV e o Inicia II estanse a desenvolver no mesmo período. O rexedor subliña que estes cursos servirán para «incrementar as posibilidades de inserción laboral das persoas participantes» e «tamén repercutirán na mellora de espazos e equipamentos públicos».
Debate sobre el post