FERROL360 | Venres 15 xuño 2018 | 10:04
Este sábado a zona do Castro de Vilasuso, no Val, vivirá unha nova Recreación das Lendas da Pena Molexa, que este ano chega á súa vixésimo primeira edición. Para esta xornada programáronse varias actividades, que comezarán ás 18.00 horas cunha sesión de Xogos tradicionais e Deporte rural.
Máis chegada a noite, a partir das 20.00 horas, actuará o Grupo de gaitas do Padroado da Cultura de Narón e, coincidindo co inicio do apartado musical, haberá unha churrascada popular.
O grupo galego de música tradicional Treixadura dará un concertó a partir das 22.00 horas e ás 00.00, como cada ano, comezará a Recreación das Lendas da Pena Molexa, coa representación protagonizada por alumnado da Escola de Formación de Actrices e Actores do Padroado da Cultura de Narón.
Estas lendas contan a historia dunha moura que se convertiu en rocha nesta zona, nunha noite que coincidía co solsticio de verán. Ás 00.30 horas haberá unha Lumeirada popular.
Finalmente, o día 22 terá lugar na parroquia unha charla-coloquio sobre o Patrimonio material da parroquia do Val, que impartirá o Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga e arqueólogo do Concello de Narón, Andrés Pena.
Desde a AVV ‘Os Irmandiños’ do Val e a edil de Cultura animan á cidadanía a desfrutar en Narón dos actos programados nesas catro xornadas con motivo da Recreación das Lendas da Pena Molexa.
Debate sobre el post