REBECA COLLADO | Ferrol | Xoves 3 outubro 2013 | 12:00
Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, racha dalgún xeito os aterradores números do paro e arroxa un pouco de luz e esperanza nese duro camiño da inserción laboral. No que vai de ano, 160 persoas das nosas comarcas e que presentan algún tipo de discapacidade, atoparon un traballo. As cifras non son para botar foguetes, pero dende un punto de vista positivo si podemos dicir que son alentadoras. A coordinadora de Cogami na zona, María Aneiros, explica que «os datos de inserción están aumentando cada ano» e salienta que aínda que «o mercado agora mesmo está completo a nivel perfís, nós intentamos estar aí nas ofertas e poder derivar aos usuarios».
Aproximadamente, un 30 % das insercións laborais corresponden a ofertas que xestiona Cogami directamente. A entidade desenvolve un labor de sensibilización, «informamos ás empresas que temos unha base de datos de persoas con discapacidade e cando precisen cubrir un posto de traballo, poden indicarnos o perfil de traballador que precisan e nós facemos unha selección». É dicir, son intermediarios. Facilitan ás compañías unha serie de currículos e a partir de aí, xa sería a empresa quen faría a súa selección. Tamén informan das subvencións e bonificacións que existen pola contratación de persoas con discapacidade.
En todo caso, María Aneiros recoñece que «queda moito por facer» e advirte que «é necesaria máis sensibilización por parte das empresas á hora de contratar persoas con discapacidade». Neste senso, explica que aínda hai descoñecemento e «moito mito», porque ser discapacitado non significa que non se teñan capacidades para traballar. «Na discapacidade haberá bos e malos traballadores, como hai en todas partes», apunta a coordinadora de Cogami, que lembra que as persoas discapacitadas poden ter moitas habilidades para levar a cabo algúns traballos.
Cogami atende a 2.600 persoas das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, das cales, o 45 % son mulleres e o 55 % son homes. Practicamente todos eles entre os 18 e os 65 anos de idade. Quen poden ser usuarios da entidade? Unha persoa que teña unha porcentaxe de discapacidade igual ou superior ao 33 % ou alguén que teña unha incapacidade laboral. A entidade conta cunha única oficina en Ferrol, onde prestan os seus servizos ós habitantes de Ferrol, Narón, Fene e Neda. No caso dos usuarios que viven noutros concellos, é unha orientadora laboral quen desprázase para poder atendelos.
Servizos: emprego, formación e traballo social
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade presta servizos de emprego, formación e traballo social. Todos eles de carácter gratuíto. Iso si, sen esquecer as actividades lúdicas que permiten aos usuarios interactuar e socializar entre eles. No campo do emprego, Cogami conta con catro orientadoras laborais que axudan aos usuarios a buscar o seu itinerario. Neste senso, imparten accións de técnicas de busca de emprego. «Son obradoiros ou cursos nos que traballamos como facer unha carta de presentación, elaborar o seu propio CV, que cousas destacar ou non no currículo, e como afrontar unha entrevista de traballo», sinala María Aneiros. Un total de 51 persoas participaron nestas accións no que vai de ano.


A nivel de formación, Cogami ten homologadas catro especialidades pola Xunta de Galicia, tres da rama administrativa e unha da rama socio-sanitaria. Tamén traballan con formación a distancia, «para persoas que non se poden desprazar ou que viven na zona rural», explica a coordinadora da entidade. Tampouco esquecen aos grandes discapacitados, no pasado curso desenvolveron un programa dirixido a eles e no que participaron dúas persoas de Ferrol. A asociación conta tamén cun plan no que se traballan aspectos básicos de formación: lectura, escritura e habilidades sociais. Ademais, durante este ano impartiron un curso para persoas que querían preparar o graduado en ESO. «Tivemos resultados positivos porque algúns conseguiron o graduado», comenta María Aneiros.
Hai case un ano que a entidade botou a andar o departamento de traballo social. Neste campo, informan e asesoran aos usuarios sobre calquera dúbida que teñan e tamén traballan habilidades sociais. Ademais, impartiron charlas sobre lesións medulares para rapaces de 3º e 4º da ESO, nos centros educativos. Advirten da perigosidade das motos e da precaución que deben ter os mozos cando realizan saltos nas piscinas e nas praias. Dentro deste programa tamén xestionan os proxectos de asistencia persoal contemplados na Lei de Dependencia, ofertan servizos de fisioterapia e levan a cabo unha escola de costas, para corrixir a postura e tratar de evitar as frecuentes dores nesta zona do corpo.
Pero en Cogami non todo é traballar, tamén hai tempo para o descanso e o ocio. Así, desenvolven o proxecto GAVEA, Galicia Vela Adaptada. «Xorde a raíz dun barco requisado por narcotráfico que a Audiencia Nacional cede a Cogami», comenta María Aneiros. O barco está totalmente equipado para que unha persoa en cadeira de rodas poda subir e gozar dunha xornada náutica. En total, este verán saíron a navegar 60 persoas polas rías de Ferrol e Ares. Tamén relacionado coa vela, levan a cabo as escolas de vela en Ares, con barcos máis pequenos, e que imparte o clube náutico da localidade. Por outra banda, este ano realizaron un curso de natación terapéutica en Narón, no que participaron persoas cunha discapacidade física alta.
Galega de Economía Social
Consciente da potencialidade dos seus usuarios e da necesidade de concibir outro tipo de empresa, Cogami, a nivel Galicia, fundou Galega de Economía Social. Trátase dun grupo empresarial constituído por dez Centros Especiais de Emprego que operan en sectores estratéxicos. Coregal Parques e Xardíns, unha empresa asentada en Narón e que xestiona o reciclado de papel, forma parte deste grupo.
Cogami tamén desenvolve a xestión do persoal do Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal para persoas dependentes, máis coñecido como 065. Son entre 15 e 16 traballadores, ente condutores e acompañantes, que saen da bolsa de traballo da entidade.
Debate sobre el post