FERROL360 | Luns 21 decembro 2015 | 21:58
Os trinta rapaces e rapazas que obtiveron praza no I Campus Tecnolóxico Naróntech comezaron este luns as clases na Aula Cemit de Xuvia.
A edil de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, inaugurou hoxe as aulas e saudou aos participantes nesta actividade que se desenvolve por primeira vez na localidade. A edil explicou que esta iniciativa supón ás arcas locais un desembolso de 2.940 euros -98 euros por participante- financiados íntegramente nesta ocasión polo Concello ao tratarse dun programa piloto.
As clases iniciadas hoxe continuarán mañá e tamén os días 23, 28, 29 e 30 de decembro, en dúas quendas en horario de maña e de tarde –entre as 10:00 e as 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas- en función das idades do alumnado, divididos en dous grupos os de 8 a 10 e os de 11 a 14 anos.
«Trátase dunha proposta formativa diferente ás que viñamos organizando ata o momento desde o Concello. Co Campus Tecnolóxico Naróntech apostamos pola innovación e a actualidade, xa que os participantes terán a oportunidade de fomentar a súa creatividade en materia informática», explicou a edil.
O alumnado desta actividade recibirá formación sobre robótica, programación de videoxogos e de Minecraft, entre outras temáticas a abordar durante as sesións deste campus.