FERROL360 | Xoves 8 xuño 2017 | 10:43
O Pazo da Cultura acollerá este sábado o concerto de fin de curso do alumnado da Escola de Música e os integrantes da Banda Infantil da Asociación Cultural Sementeira de Narón. Será a partir das 18:00 horas e as entradas está venda na billeteira do Pazo a un prezo de dous euros. Os socios de Sementeira poderán entrar de balde.
O programa estará dividido en dúas partes: por unha banda actuará o alumnado de menor idade da Escola de Música interpretando pezas cantadas do folclore africano e por outra os alumnos da Banda Infantil de Narón actuarán cos seus instrumentos musicais. Ademais, durante o acto os alumnos participarán en grupos de música multiinstrumentais en pezas preparadas para o concerto.
A Escola de Música Sementeira conta cun total de 75 alumnas e alumnos, con idades a partir de cinco anos. Mentras, a Banda Infantil de Narón está integrada actualmente por 40 rapaces e rapazas de entre 11 e 21 anos.
Na Escola de Música Sementeira impártense clases de óboe, clarinete, saxofón, frauta traveseira, fagot, violonchelo, contrabaixo, trompeta, trompa, trombón, tuba e percusión, para menores e adultos sen coñecementos previos e tamén para aquelas persoas que teñen xa experiencia e queren perfeccionar ou manter o contacto coa música, indican desde Sementeira.
A Banda Infantil ten entre os seus obxectivos espertar o interese dos nenos e nenas pola música en conxunto, polo que os programas que interpretan son especialmente deseñados con temas musicais coñecidos e para tocar en grupo.
A cita conta coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón.