FERROL360 | Xoves 30 outubro 2014 | 22:12
Ciclo de cine, obradoiros de arte, curso de fotografía nocturna e unha charla sobre a produción primaria son algunhas das actividades que poderemos atopar no Ateneo Ferrolán durante o vindeiro mes de novembro.
O ciclo Martes de Cine está adicado durante o mes de novembro ao Club de lectura do Ateneo e as proxeccións son ás 19:00 horas. Así, o día 4 de novembro poderemos ver o filme Macbeth, do director Roman Polanski. É unha película do ano 1971 de 140 minutos de duración.
O martes día 11 de novembro, tócalle o turno ó filme La lengua de las mariposas, do ano 1999. Ten unha duración de 97 minutos e é unha película do director José Luis Cuerda. O martes seguinte, día 18 de novembro, poderemos ver Divinas palabras, do director José Luis García Sánchez. É unha película do ano 1987.
O filme El Sr. Ibrahim y las flores del Corán proxectarase o martes día 25 de novembro. É unha película francesa do ano 2003 dirixida por François Dupeyron.
O Ateneo Ferrolán organiza todos os meses novas exposicións e do 4 ao 30 de novembro poderemos gozar da exposición fotográfica Ledicia, de María Prada, pertencente ás exposicións itinerantes que organiza o Outono Fotográfico 2014.
O martes día 4 de novembro ás 19:30 horas terá lugar a reunión mensual do Club de Lectura do Ateneo e o sábado 8 de novembro terán lugar unhas Xornadas sobre Medio Ambiente en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
Mentres, o martes día 11 de novembro ás 20:00 horas Xesús Alonso Montero impartirá unha conferencia baixo o título Santiago Montero Díaz: do marxismo ó fascismo e, de novo, ó esquerdismo. A presentación correrá a cargo de Xosé María Dobarro.
O mércores día 12 de novembro ás 16:30 horas celebrarase unha conferencia da Asociación Xubilados da Administración Pública e ás 19:45 horas haberá unha reunión do Grupo Filosófico Cirpén. Para finalizar a semana, nada mellor que poñerlle un pouco de música; así, o sábado día 15 de novembro ás 12:00 horas haberá Sesión Vermú co grupo SREFUGALHOS.
O martes día 18 de novembro ás 19:00 horas falarase sobre a produción primaria (Decreto 125/2014) nunha charla informativa. Mentres, o sábado día 22 de novembro ás 17:00 horas comenza o curso de fotografía nocturna que impartirá Simón López.
Durante o mes de novembro o Ateneo Ferrolán albergará dous obradoiros dirixidos a artistas. Así, todos os mércores de 18:00 a 20:00 impartiranse leccións de debuxo e pintura para adultos, mentres que os máis pequenos tamén poderán participar nun obradoiro pensado especialmente para eles de arte infantil. Será os venres de 17:15 a 18:45 horas. Ambos estarán impartidos por Miguel Anxo Varela.
Ademais, como novidade, o Ateneo Ferrolán realizará un programa en Radio Filispim, Colectivo Opaíí, todos os mércores de 18:00 a 19:00 horas.
Debate sobre el post