FERROL360 | Venres 27 febreiro 2015 | 19:23
O Concello de Fene convoca un proceso selectivo para a cobertura dunha praza de bibliotecario como funcionario interino. Os interesados en participar nas probas selectivas poden presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Concello a partires deste sábado e durante dez días hábiles.
Segundo informan desde o Concello, a praza será como funcionario do grupo A; subgrupo A2, escala: administración especial; subescala: técnica; nivel: medio. Cubrirase mediante o sistema de oposición libre e tamén se creará unha lista de aspirantes para futuras coberturas interinas.
Unha vez remate o prazo de presentación de instancias, aprobarase a lista provisional de admitidos e excluídos, que será exposta no taboleiro de edictos do Concello. Tamén se publicará na páxina web de Fene, relacionándose os aspirantes excluídos con indicación da causa da súa exclusión.
Os aspirantes disporán dun prazo de cinco días hábiles para a subsanación, no seu caso, das deficiencias que se sinalen. Estas subsanacións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución que aprobe a lista definitiva.
Tanto a lista, como a composición do tribunal e o lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio, publicarase no taboleiro de edictos e na páxina web do Concello. As bases poden consultarse tanto no Boletín Oficial da Provincia como aquí.
