FERROL360 | Martes 3 de marzo de 2026 | 14:21
Narón vén de convocar a XXXV edición do Certame Intercentros Concello de Narón 2026, unha iniciativa dirixida aos centros educativos públicos do municipio co obxectivo de celebrar o Día das Letras Galegas e promover o uso e a dinamización da lingua galega entre a comunidade escolar.
A convocatoria, aprobada por Resolución da Alcaldía con data de 20 de febreiro de 2026 e publicada este 3 de marzo no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, establece un orzamento máximo de 8.000 euros destinado aos premios das diferentes categorías.
Participación de todos os niveis educativos
Poderán participar na convocatoria os centros públicos de Narón nos niveis de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos, nas modalidades e categorías recollidas nas bases reguladoras. A participación poderá realizarse de maneira colectiva, por aula ou individual.
Este ano a coordinación do certame correrá a cargo do IES As Telleiras.
Dende o Concello subliñan que esta proposta busca «celebrar o Día das Letras Galegas e promover o uso e a dinamización da lingua galega entre a comunidade escolar», consolidándose como unha das citas máis veteranas do calendario educativo local.
Poesía, expresión oral, canción, cómic e audiovisual
O Certame Intercentros abrangue distintos ámbitos creativos como a poesía, a expresión oral, a canción en galego, o cómic ou o audiovisual, entre outros.
A través desta iniciativa, o Concello pretende fomentar a creatividade do alumnado e facilitar ferramentas que apoien o labor docente, contribuíndo tamén a financiar parte da elaboración dos materiais necesarios para o desenvolvemento dos proxectos presentados.
Os premios consistirán en bonos en especie que deberán ser trocados en establecementos do termo municipal de Narón, seleccionados polos propios centros educativos co visto e prace do Concello, promovendo así tamén o apoio ao comercio local.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns 10 de marzo. As bases reguladoras poden consultarse a través da ligazón habilitada polo Concello.
Con esta nova edición, Narón reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua galega, coa educación pública e coa dinamización cultural entre a mocidade do municipio.
