FERROL360 | Luns 29 xaneiro 2018 | 11:38
O Concello de Narón vén de abrir o prazo de inscrición nos cursos gratuítos de de informática básica, redes sociais e manexo de móbil e Whatsapp, a través do programa Cemit Rural 2018. Os locais sociais da zona rural acollerán a partir do mes de febreiro estes obradoiros, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de xuño.
As sesións programadas impartiranse a grupos dun máximo de dez persoas, xa que se levarán aos locais sociais ese mesmo número de equipos portátiles, cedidos polo Consistorio para realizar estes cursos. As persoas interesadas en anotarse poden facelo nos locais sociais de San Mateo, San Xiao, Doso, Castro, Pedroso, Sedes e O Val.
«Esta acción formativa de contido similar para todas as zonas rurais, é unha demanda dos veciños e veciñas que o ano anterior xa foron alumnos e alumnas e nos indicaron o modelo de curso a impartir que sería de utilidade para eles», explicou a concelleira de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida.
Nas clases aprenderán: informática básica, redes sociais e o manexo de móbil e Whatsapp, cunha duración de 51 horas. Os cursos programados no marco deste programa Cemit Rural 2018 teñen unha duración, en conxunto, de 357 horas, para o primeiro semestre do ano e cunha previsión de continuar a partir do mes de setembro con máis accións formativas desta índole.
As clases desenvolveranse en tódolos grupos en horario de tarde, a razón de dous días á semana, sendo de hora e media cada unha das sesións.