FERROL360 | Luns 9 setembro 2013 | 13:39
Compromiso por Galicia (CxG) en Cariño alerta da posible marxinación da comarca do Ortegal no Plan de Racionalización do Transporte Ferroviario e incide na necesidade de cubrir as demandas dos usuarios do transporte público.
A agrupación nacionalista insta a unha fronte común entre os concellos da bisbarra para que soliciten á Xunta de Galicia un plan que mellore o servizo de transportes actual e a adopción de convenios necesarios entre as empresas que operan nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal. Ademais, demandan a existencia de horarios compatibles entre as liñas de ferrocarril e autobús, algo que hoxendía consideran inexistente.
Califican de «lamentable» o feito de manter un servizo básico para a zona cando, din, «debéramos estar elaborando un plan de transporte público e de mercadorías acorde ao século XXI, que puxera en valor a potencialidade desta comarca». Consideran que o turismo tamén se ve freado porque «as comunicacións con Ferrol ou con Viveiro son moi deficientes».
Agardan que a Xunta elabore un plan de mellora do transporte público e non sexan os criterios de Renfe ou de Arriva os únicos a ter en conta.
Debate sobre el post