
FERROL360 | Martes 17 novembro 2015 | 9:58
Música galega para continuar o ciclo de concertos Na Raíz, da man de Davide Salvado e Caxade que actuarán este xoves, ás 20:30 horas, no Teatro Jofre. Promovido pola Concellería de Cultura de Ferrol, os protagonistas de Na Raíz son artistas que rachan con moldes e prexuízos desde o coñecemento da tradición.
Davide Salvado foi o segundo galego, despois de Mercedes Peón, convidado a participar no WOMEX, a feira de World Music máis importante do mundo no ano 2014. Este mariñés namorado do rural presentará en Ferrol o seu último álbum Lobos, no que amosa o seu amor pola tradición, a terra, a lingua e as xentes.
En especial, por esas mulleres fortes, pandereteiras e bailadoras, nas que Davide recoñece a súa formación e aprendizaxe. Ese enraizamento tan puro, salvaxe e fermoso na súa contorna fai que a súa arte non só nos chegue a nós, senón que sexa quen de emocionar ouvidos doutras terras.
Pola súa banda, o acordeonista Alonso Caxade apostou pola modernidade e as oportunidades que ofrece a internet para difundir as súas cancións e videoclips na rede. Acompañado pola formación completa de bombardino, Manu Espinho, trompeta e carrillón, Manu Paino, e batería, Xosé Tunhas, traerá a Jofre o seu disco debut A dança dos moscas.
Nesta proposta o público da escea alternativa e do folque-tradicional teñen un lugar de encontro. Trátase dun folque de melodías novas que reivindican o coñecemento da tradición e canta letras de denuncia.
Os prezos das entradas, dispoñibles nesta web, son de 10, 8 e 5 euros dependendo da localización.