Publicidad

De Vigo a Canido: o grupo Caldo chega á Capela do Torrente

ALICIA SEOANE  | Mércores 15 de maio 2024 | 12:45

Caldo son unha das revelacións do folk actual. Con só voz, violín e guitarra, Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas achegan unha nova dimensión para a música de tradición oral, colocándoa en contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos.

Mañá estréanse na Capela do Torrente Ballester ás 21:00 horas. Falamos con Anaïs o día previo ao concerto, «temos moitas ganas de tocar na Capela, é un sitio familiar para nós e xa tocaron outros amigos nosos como Peña ou Trilitrate». Ademais, engade «imos ter unha colaboración moi especial cun músico de aquí», de momento gardámonos algún segredo.

Anaïs Barbier e Pedro Fariñas, acaban de ser pais fai quince meses. Pedro ten traballo fixo na escola de Xan Viaño, así que motivados por este feito, decidiron instalarse en Canido. Aínda que os inicios de Caldo remontan alá polo 2018, preto de Valmiñor, ao carón de Vigo.

Neses anos xuntábanse Pedro Fariñas e María Jorge noutro grupo que tiñan, «como viñan a casa a ensaiar, foise dando unha relación moi natural, para que eu acabase entrando tamén, no momento que se desfixo o anterior grupo». Desa relación natural e espontánea, de xogo musical, e creación sonora xurdiu Caldo « gustounos o nome, pola súa sonoridade, e porque o grupo foise cociñando a fogo lento. Ademais, para os galegos o caldo é algo moi familiar, e ao mesmo tempo tamén cho dan para coidarte, ou cando vai frío…».

Así xurdiu un grupo cun primeiro álbum Caldo, co que non contaban ter o éxito acadado, un premio Martín Códax ao Mellor proxecto de música folk e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ no 2020. Para o seu primeiro disco, gravado en directo, tomaron como fío condutor o repertorio da aldea de Moscoso (Pazos de Borbén,(Pontevedra), facendo una revisión do material recollido por Xisco Feijóo ás informantes Rosa e Aída Garrido.

En maio de 2023 viu a luz o segundo álbum de Caldo, Lugar A Ponte, gravado e producido man a man con Alberto Cernadas (crnds). Con el afianzan a súa sonoridade engadindo novas texturas e atmósferas sen abandonar o son orgánico dos instrumentos. Neste novo disco déixanse levar a través de outras estéticas, facendo que os seus temas tomen camiños imprevistos.

Neste segundo disco, Caldo incorpora lírica propia, textos coidados que asina Anaïs Barbier e que se fusionan naturalmente con outros aprendidos da tradición oral, reinterpretados desde unha ollada actual. En Lugar A Ponte todas as letras falan dun momento de cambio, dun vínculo, dunha perda ou dunha relación, «as composición falan de cousas que vivimos nós mesmas, por iso un tema como cinza que fala do que aprendemos das perdas, ou cáncaro d’abril que fala máis da primaveira, xa é un tema máis bailable».

Son, ao final, episodios vitais que conforman un álbum que narra, dalgún xeito, as sensacións dentro do fogar, ese lugar ou núcleo que se constrúe amodiño, da man da xente máis próxima e querida.
A coidada edición física do álbum está formada por unha colección de láminas deseñadas pola ilustradora Marte Martinka para acompañar cada un dos temas.

«A acollida deste disco foi moi chula, fixémola no Teatro Principal de Santiago, con moitas colaboracións…en fin nada esperado, estamos moi contentas», cóntanos Anäis. Para quen vos achegades mañá ao Torrente o directo leva sospresas sonoras … e para quen tedes lido ata aquí, Fausto ao saxofon, tamén formará parte de Caldo.