FERROL360 | Venres 11 decembro 2015 | 18:34
Especialistas en Dermatoloxía da Xerencia Integrada de Ferrol explicaron na xuntanza anual do Grupo Español de Dermatoloxía Cirúrxica, Láser e Oncoloxía Cutánea un caso de reconstrución dun defecto cirúrxico no coiro cabelludo de espesor total con pel artificial.
Trátase dun caso de tratamento de carcinoma cutáneo, no que despois de extirparse o tumor queda exposto o óso do cranio. Nestes casos é difícil a reconstrución mediante un inxerto de pel e «nós empregamos Integra, que é unha pel artificial, para rexenerar a dermis», indica o especialista en Dermatoloxía de Ferrol, Óscar Manuel Suárez.
Unhas semanas máis tarde, colocan un inxerto de pel parcial sobre a neodermis. Así foi como se reconstruíu con éxito a ferida cirúrxica de 8 x 7,5 centímetros, con exposición ósea no coiro cabelludo, dun paciente de 75 anos, caso que se presentou neste encontro nacional.
En Dermatoloxía da Xerencia Integrada de Ferrol desenvolven o seu traballo seis especialistas. Nos últimos anos, deuse un importante pulo á cirurxía neste ámbito, incluíndo cirurxías máis complexas como plastias ou inxertos. De feito, pasouse dun total de 620 cirurxías, no ano 2012, ás 902 que se produciron no pasado ano 2014.
Ata outubro do presente ano 2015, realizáronse xa un total de 743 cirurxías, 4 con estadía hospitalaria; 387 con Cirurxía Maior Ambulatoria (que requiren de quirófano para se realizar, pero que se solucionan a súa maior parte nun só día, e sen ingreso); e 352 con cirurxía menor ambulatoria.