FERROL360 | Sábado 6 xuño 2015 | 17:09
A campaña Euromelanoma é unha iniciativa a nivel europeo que ten como obxecto achegar información sobre a prevención, a diagnose precoz e o tratamento do cancro de pel. Así, realízanse controis e ofrécese toda esta información coa intención de que un maior coñecemento sobre esta enfermidade axude a previr o seu desenvolvemento.
Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol sumouse a estas actividades durante esta semana e atendeu a 27 persoas nunhas consultas específicas de revisión de lunares e prevención do melanoma.
Qué é o melanoma?
O Melanoma é unha variedade de cancro cutáneo derivada das células produtoras do pigmento da pel, que representa o 75 % das mortes por cancro de pel. Aínda que se trata dun tumor xeralmente cutáneo, máis raramente pode afectar a mucosas, globo ocular ou intestinos.Na actualidade, o único tratamento efectivo é a resección cirúrxica completa do tumor primario.
Os principais factores de risco para o melanoma son xenéticos, antecedentes familiares de melanoma; o fototipo cutáneo, xa que o risco é maior en persoas de pel branca, ollos e pelo claros, que se queiman con máis facilidade e que apenas se broncean; a exposición ambiental á radiación ultravioleta; antecedentes de queimaduras solares frecuentes e o emprego de cabinas de bronceado.
A Xerencia Integrada de Ferrol conta cunha consulta específica sobre Melanoma e ten activa unha Vía Rápida neste ámbito. Durante o pasado ano, diagnosticáronse nesta área un total de 56 casos de melanoma.
Medidas preventivas
Algunas das medidas preventivas que a poboación pode adoptar para minimizalo risco son: diminuír a exposición á radiación ultravioleta evitando a exposición solar nas horas de maior incidencia, entre as 12:00 e as 16:00 horas, e durante a infancia.
Por outra banda, o emprego axeitado de fotoprotectores, que hai que aplicar 30 minutos antes da exposición solar e de xeito xeneroso; aplicar novamente cada dúas o tres horas, e con maior frecuencia en caso de baño ou sudoración. Non se debe empregar o fotoprotector para poder incrementar así a exposición solar máis alá do debido e, por último evitar as cabinas de bronceado.