FERROL360 | Luns 15 maio 2017 | 10:36
Derradeira chamada aos peques de Narón, de 4 a 12 anos, interesados en participar no programa ConciliaEscola Verán. Este martes remata o prazo para inscribirse nesta actividade, que se desenvolverá en cinco quendas nas instalacións do CRA de Domirón, entre o 26 de xuño e o 31 de xullo.
Anotarse é moi doado, só hai que cubrir esta instancia e presentala no Rexistro Municipal, en horario de 8:30 a 13:30 horas, de luns a venres. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1113 e 1115).
As inscricións realizaranse nunha das quendas dispoñibles: do 26 ao 30 de xuño; do 3 ao 7 de xullo; do 10 ao 14 de xullo; do 17 ao 21 de xullo e, por último, do 24 ao 31 de xullo. Desde o Concello indican que se concederá unha quenda por participante, salvo que existan vacantes, e as prazas se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.
Actividades artísticas, inglés, obradoiros de educación para a igualdade, convivencia, saúde e tempo libre mediante o xogo, son algunas das propostas do programa infantil. O seu prezo é de 8,15 euros e inclúe servizo de bus, con transporte só de volta para o horario de 7:30 a 14:00 horas e de ida e volta para o de 9:00 a 14:00.
A edil de Promoción Social, Teresa Sabio, salienta que o obxectivo da activiade é «facilitar a conciliación da vida laboral e familiar daqueles núcleos familiares nos que traballan os pais e nais dos menores, ou os seus titores, salvo no caso das familias monoparentais».
Debate sobre el post