
FERROL360 | Mércores 17 maio 2017 | 00:00
O adestrador do Parrulo, Diego Ríos, opta ao galardón ao mellor técnico da campaña na Segunda División. O preparador de Lugo competirá cos seus homólogos no FC Barcelona Lassa B, Xavi Closas, e no Naturpellet Segovia, Diego Gacimartín. A entrega terá lugar o 1 de xullo en Sevilla no marco da gala da asociación nacional de adestradores deste deporte.
Ríos agradeceu en redes sociais esta candidatura, amosándose «encantado de estar ao carón de Diego Gacimartín e Xavi Closas», dos que valorou a súa «moi boa» tarefa ao longo da liga poucos días despois de que rematase. Tamén gabou o traballo do seu «equipo e xogadores», que esta vindeira fin de semana xogarán en Elxe o desenlace da fase de ascenso a Primeira.