Publicidad

Diferentes colectivos valoran que a sociedade de Ferrol está disposta a defender a lingua galega

FERROL360 | Martes 23 de abril 2024 | 7:35

Na pasada mañá do luns, diferentes colectivos da cidade de Ferrol ( A Mesa, asociación Muiño do Vento, Ferrolterra antiga, CIG, Medulio; federación de Anpas, asociación veciñal de Canido, PSOE, Ferrol en Común, BNG entre outras) valoraron o comportamento do goberno local de Ferrol tras ter publicado unha instrución que, vulnerando a lexislación, obrigaba a redactar os expedientes de contratación municipais en español e desta situación destacaron que a lingua galega está viva e que a sociedade está disposta a actuar para defendela.

Marcos Maceira, presidente da Mesa, lembrou que a instrución do goberno local foi amplamente contestada polo tecido social de Ferrol que promoveron unha serie de pronunciamentos que provocaron a retirada, unha semana máis tarde desta instrución e lembrou que pese ao primeiro anuncio mediático o goberno local tardou máis dunha semana en rectificar formalmente e foi precisamente a acción do tecido social quen provocou isto polo que salientou que debemos parabenizarnos. 

Isto demostra que hai un corpo social que apoia ao galego e que está disposto a actuar para rehabilitar e normalizar a lingua galega e tamén evidencia que o que fai falta é o apoio por parte das institucións, dos poderes públicos que teñen a obriga a seren activas na defensa do galego.

Delia Vazquez, que forma parte do Consello municipal da Linguaafirmou que a instrución anulada polo do goberno local prodiciunos sorpresa e decepción porque na ultima reunión do consello da lingua percibiramos unha sintonía neste organismo por ensanchar o uso do galego a actividades onde non viña sendo regular ou normativo o que chocaba con esta instrución. Destacou que agarda que no futuro o camiño a percorrer sexa na dirección de ir para adiante e nunca retroceder nos usos da lingua galega.

Rafael Aguirrebengoa, da asociación Muiño do Vento, salientou que a instrución era unha norma que apartaba ao galego dunha parte da actividade administrativa do concello. Unha norma cun fondo sentido político porque negaba a unha parte da poboación a posibilidade de facer toda a súa vida en galego. Crearon un problema e aínda que despois o correxiran, o que nos alegra, fixérono arrastrando os pes. Tardaron unha semana en facer un trámite que era sinxelísimo e destacou que o movemento social existe e que se estamos atentos e vixiamos somos quen de facer fronte a este tipo de medidas.

Elia Rico, da Sociedade Cultural Medulio, considera esencial reivindicar a lingua porque é a única maneira de reafirmarnos e ter autoconfianza a e agarda que o concello de Ferrol siga promocionando o uso do galego en todos os ámbitos porque unha lingua está para ser empregada e o galego ten que usarse. E valorou como algo positivo a rectificación municipal aínda que fora tarde.