FERROL360 | Luns 30 marzo 2015 | 14:48
O Concello de Ares e a Policía Local adoptarán unha serie de medidas que afectarán fundamentalmente ao estacionamento e ao tráfico rodado por algunhas das vías da vila con motivos dos actos da Semana Santa.
Este martes terá lugar un Vía Crucis con saída da praza da Igrexa e percorrido pola rúa Real, María, cruce do bazar «Moncho» e regreso pola rúa Real ata a praza da Igrexa. Por esta razón, nestas rúas, entre as 19:00 e as 22:30 horas, estará cortado o tráfico para toda clase de vehículos, así como prohibido o estacionamento.
Na xornada do Xoves Santo celebraranse dúas procesións, polo que estará cortado o tráfico ao paso das mesmas e tamén o estacionamento entre as 16:00 e as 00:00 horas. Nesta ocasión, as rúas afectadas serán a praza da Igrexa, a rúa Real (entre a praza da Igrexa e a rúa Xuncal), Xuncal e rúa María (entre Xuncal e o «Gran Barato»).
Mentres, no Venres Santo prohibirase a circulación de vehículos, ademais de non permitir aparcar entre as 08:00 e as 00:00 na praza da Igrexa, rúa Real (entre a praza da Igrexa e a rúa Xuncal), Xuncal e rúa María (dende a rúa Xuncal ata o «Gran Barato»).
O sábado 4 pecharase o tráfico e prohibirase o estacionamento na praza da Igrexa entre as 20:30 e as 00:00 horas. Finalmente, o Domingo de Resurrección prohibirase a circulación mentres se celebra a procesión, entre as 10:30 e as 12:15 horas, aproximadamente, aínda que estará permitido o estacionamento.
Neste espazo de tempo non se permitirá a incorporación á circulación dos vehículos estacionados no treito comprendido entre a igrexa parroquial, rúa Real, avenida de Mugardos, rúa Celso Emilio Ferreiro e a avenida Tucho Vilasánchez ata a igrexa de Lubre.
