
FERROL360 | Venres 20 maio 2016 | 18:06
Os amantes do teatro teñen esta fin de semana dúas citas en Narón coa comedia de Carlos Blanco e Luis Davila no Pazo da Cultura e coa VIII Mostra de Teatro Amador parroquia de Pedroso, este sábado e domingo respectivamente.
A comedia Menú da noite, protagonizada polo actor cómico Carlos Blanco e o ilustrador Luis Davila, chega ao Pazo da Cultura ás 20:00 horas deste domingo. A obra é unha segunda entrega, tras Menú do día, na que os protagonistas vestían saias escocesas.
Agora, con seus smókings, Carlos Blanco e Luis Davila suben de novo ao escenario para literalmente, cociñar en directo. Baile, animación, debuxo de viñetas en directo e música de Budiño e Kepa Junquera completarán este espectáculo no que o espectador gozará coas ocurrencias destes dous artistas galegos.
O prezo das entradas, xa á venta na taquilla do Pazo, é de 10 euros no patio de butacas e 8 euros nos anfiteatros se se compran de xeito anticipado, e de 12 euros no patio de butacas e 10 nos anfiteatros no caso de mercalas o propio día da actuación.
VIII Mostra de Teatro Amador
Esta mostra de trato continúa desenvolvéndose na parroquia de Pedroso, nas instalacións da Pombiña, os domingos ata o 5 de xuño. O Padroado da Cultura de Narón convoca esta actividade, de balde, co fin de achegar o teatro aos veciños e veciñas que residen na zona rural.
Así, este domingo representarase Non hai ladrón que por ben non veña, a cargo do Obradoiro de Teatro da Fundación Terra de Trasancos, do Val. Silvia Casal é a encargada das adaptacións e da dirección desta obra.
Os espectáculos previstos no programa a desenvolver en Pedroso con cargo a este ciclo, que xa se levou a cabo na parroquia de San Xiao, continuarán o vindeiro 29 de maio, coa obra A creación, do Obradoiro de teatro de Piñeiros e dirixida por Maite Costa.
A última cita nesta parroquia será o 5 de xuño, co espectáculo Quen vai á guerra?, do grupo de teatro da Pombiña, dirixido por Betty Couce. Todas as representacións previstas no programa comezarán ás 19:00 horas.