FERROL360 | Venres 19 febreiro 2016 | 11:48
Un ano máis a tradicional Mostra da Camelia Cidade de Narón e o Concurso de Flores de Camelia chegan ao centro comercial Dolce Vita Odeón. Unha edición na que participarán 35 expositores procedentes de diferentes municipos galegos e que se celebrará esta fin de semana con diversas actividades.
A apertura e montaxe da Mostra da Camelia comezará este sábado, ás 9.00 horas e e ás 13.00 procederase a calificar os lotes das persoas que participan no concurso. A continuación, haberá unha comida de confraternidade e ás 17.30 horas terá lugar a inauguración oficial da cita e a apertura ao público.
Acto seguido, entregaranse os premios ás mellores camelias japónica e reticulata e tamén á mellor especie de camelia, de híbrido de camelia, flor de miniatura, cultivador-expositor e composición artística colectiva. Tamén optarán aos premios os exemplares que presentarán representantes das asociacións de veciños Virxe de Fátima, de Freixeiro; O Couto e Areosa, de Piñeiros.
Xa o domingo, a Mostra da Camelia permanecerá aberta ao público entre as 10.00 e as 18.00 horas.
Durante a presentación do acto, que tivo lugar este xoves no Concello de Narón, o vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, Eusebio López, asegurou que «a nivel de Galicia hai como 35 exposicións de camelia e hoxe en día a de Narón está considerada como unha das máis importantes».
López advertiu que este ano a convocatoria celebrarase antes que noutras edicións porque «debido á climatoloxía deste outono case non hai flores, e se a fixésemos en marzo a exposición sería moito máis pobre en canto ao número de especies». En canto ao número de visitantes, o vicepresidente da entidade indiou que «Narón triplica aos de calquera outra mostra, incluso a nivel internacional».
As edís de Festas e Turismo, Mar Gómez e Natalia Hermida, animaron á veciñanza a asistir a este evento, no que se poderán ver unha grande variedade de especies. Destacou o éxito desta cita, xa consolidada na localidade, así como o labor da entidade e a colaboración de Dolce Vita Odeón.
Debate sobre el post