FERROL360 | Domingo 15 febreiro 2015 | 11:56
Este domingo Ortigueira celebra o Entroido co días adicado aos nenos e os doces. Unha xornada para que os máis pequenos da casa disfruten cunha gran festa infantil e para que os maiores degusten os doces típicos destas datas.
Así, está previsto que a partires das 17:00 horas arranque a Gran Festa infantil de Entroido. A cita, que se alongará ata as 20:30 horas na carpa da Alameda, incluirá obradoiros, xogos e un desfile de disfraces.
Máis tarde, ás 20:30 horas comezará a XIX Xornada de doces do Entroido. A carpa da Alameda acollerá a entrega de premios e posterior degustación popular dos doces presentados ao tradicional concurso gastronómico que organiza a Concellaría de Cultura e Turismo. Recibirán premios as mellores orellas, bolas, freixós e pestiños.
O fin de festa será o luns co Día do Baile. A partir das 21:00 horas haberá un desfile de disfraces dende a Biblioteca ata a carpa da Alameda. O tradicional desfile contará coa participación de comparsas, grupos e de todos os que participen no concurso de disfraces, que mantén aberto o prazo de inscrición na biblioteca ata xusto antes do desfile.
Haberá un total de 1.000 euros en premios para as categorías de: comparsas; individual, parellas e tríos; grupos e premio dos centros sociais. A continuación, terá lugar na carpa da Alameda o gran baile de disfraces.

