ANPA da Escola infantil A Galiña Azul | Mércores 4 de decembro de 2024 | 8:05
Que as persoas coas que quedan as nosas fillas e fillos son importantes non é algo que se dubide, e que deixamos nas súas mas as quen máis queremos, tampouco. Por iso, como ANPA da Escola Infantil Esteiro queremos facer pública a situación que está a vivirse dentro desta escola, aínda que seguro sexa compartida por outras a nivel galego.
Logo de percibir como nais e pais que algo estaba a pasar e partindo da comunicación constante que hai entre as educadoras e familias, soubemos que non é ouro todo o que reloce e que, detrás dun acompañamento e educación de calidade para as nosas crianzas, hai mulleres que están a esforzarse para que os máis pequenos non perciban o empeoramento das súas condicións laborais.
Porque si, que lles quiten as dúas horas e media de atención indirecta ás crianzas, aféctalles. Como consecuencia, isto prexudica a posta en común da evolución de cada nena e neno e o desenvolvemento de diversos proxectos educativos que se viñan realizando na nosa escola ( adaptación temporal aos bioritmos das crianzas, proxectos coa residencia de persoas anciás, horta comunitaria, obradoiros coas familias, etc).
Se a isto lle sumamos o feito de que semelle que haxa que pedir esmola para que repoñan material escolar cun alto uso ou para que desde a Consellería de Política Social cubran a súa formación a nivel profesional, a situación agrávase.
Como nais e pais queremos que as nosas crianzas estean nun contexto escolar agradable, no que primen as súas necesidades e peculiaridades e no que as persoas que os acompañen poidan ter unhas condicións laborais que favorezan a atención individualizada que merecen.
Queremos que nesta etapa, as Galiñas Azuis sigan a ser referentes a nivel pedagóxico do ensino público galego da etapa 0-3. Queremos que sigan sorrindo todas as persoas involucradas nesta etapa tan delicada e marabillosa a partes iguais. É tanto pedir? A Consellaría debe atender as peticións feitas.
Debate sobre el post