FERROL360 | Domingo 8 novembro 2015 | 17:41
Eliximos Narón quere que a rotonda de Freixeiro sexa unha turbo-rotonda e traslada esta petición, a través dunha moción, ao pleno de Narón para o seu debate. O grupo explica que é unha candidata óptima para súa transformación porque «o seu tráfico presenta múltiples orixes e destinos, condición para que a turbo-rotonda sexa mais eficiente que a rotonda normal».
Así, desde ENE indican que este tipo de rotondas difiren das clásicas por non presentar o mesmo número de carrís en todo o seu trazado, e pola sinalización horizontal que guía o tráfico desde antes de entrar nela, de xeito que o condutor debe tomar un carril ou outro con antelación, en función do seu destino.
Deste xeito, aseguran que estas rotondas resultan «máis fáciles de usar si se selecciona de partida o carril correcto de entrada». Se queremos tomar a primeira saída hai que circular polo carril da dereita, podendo virar sen medo de atopar ningún vehículo, xa que o carril quedará separado por unha liña continua que impedirá o acceso dende o carril interior.
Os demais deberán entrar polo carril da esquerda e continuar por el ata a saída desexada, salvo si se quere dar a volta completa, caso no que se deberá acceder ao novo carril central, pero coa garantía de non atopar coches, segundo explican.
Eliximos Narón advirte que probablemente o funcionamento deste novo sistema requirirá dun período de adaptación por parte dos condutores. Pero consideran que «se debe dar este paso para avanzar na seguridade viaria e no aproveitamento das nosas infraestruturas viarias».
Neste senso, apuntan que as turbo-rotondas melloran a seguridade e reducen a sinistralidade, distribúen mellor o fluxo de vehículos fomentando un tráfico máis áxil ao redistribuílo por todos os carrís e mellora a capacidade do tránsito fronte ás rotondas tradicionais reducindo o número e a gravidade dos atascos.
«Esta pode ser a primeira das turbo-rotondas en Narón e comarca, e permitirá poñer a proba a tanto a súa resposta fronte a conxestións como avaliar a resposta dos condutores á mesma», conclúe o grupo.