FERROL360 | Sábado 2 abril 2016 | 17:35
Este sábado os gañadores do II certame literario Carmela Loureiro, organizado polo departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, recibiron os seus premios.
Foi nun acto celebrado na capela do CTB encabezado polo alcalde, Jorge Suárez, o edil de Normalización, Álvaro Montes, Pilar Patiño da coordinadora de equipas de Normalización e Xavier Alcalá, como representante o xurado encargado de seleccionar os mellores textos da ESO, Primaria e Bacharelato.
«Estou abraiadiño e moi sorprendido polas capacidades literarias, a gran calidade de cousas boas coas que nos atopamos, tanto que custou moito non dar premios», manifestou Alcalá, que integrou un xurado mixto xunto co concelleiro Montes, Xosé Manuel Pazos, do IES Concepción Arenal, e dous representantes do alumnado.
Pola súa banda, o rexedor aplaudiu a boa acollida que tivo esta II edición do certame literario, «coa palabra como cerne do espíritu», con textos creativos e imaxinativos sobre temas duros como a violencia de xénero, a morte, a soidade pero tamén de amor, da paixón e da música.
Suárez, que agradeceu especialmente o labor da técnico de Normalización de Ferrol, Beatriz Bascoy, parafraseou a unha das gañadoras desta edición para manifestar que «a palabra é unha ferramenta invencible».
Todos os premiados recibiron un agasallo do Concello e unha copia da edición na que se publican todos os textos premiados, que resultan toda unha sorpresa na lectura pola calidade e a sensibilidade amosada polos escolares.
Debate sobre el post