FERROL360 | Mércores 21 outubro 2015 | 18:30
Os especialistas en Cirurxía da área sanitaria de Ferrol, Ramón López de los Reyes e Luis Sánchez-Guillén, presentaron na Reunión Nacional de Cirurxía, que se está a celebrar en Granada, un estudo sobre o impacto do programa de prevención do cribado colorrectal na actividade cirúrxica, que se está a levar a cabo na Xerencia Integrada de Ferrol.
«Trala implantación do cribado colorrectal, téñense incrementado o número de cirurxías realizadas na Xerencia Integrada de Ferrol; pero, ó diagnosticar máis precozmente a estes pacientes, as cirurxías son menos agresivas, implican menor número de estancias hospitalarias e morbimortalidade; e unha mellor calidade de vida», explicaron os especialistas.
O programa de Cribado para a Prevención de Cancro Colorrectal púxose en marcha na Xerencia Integrada de Ferrol, de xeito piloto para toda Galicia, en marzo do 2013. Este plan beneficiaba a uns 50.500 cidadáns da Xerencia Integrada de Ferrol de entre 50 e 69 anos. A proba de cribado implica un test de sangue oculto en feces, cun intervalo entre exploracións de dous anos.
Os cidadáns obxectivo do programa reciben no seu domicilio unha carta informativa e unha tarxeta de invitación a participar. Unha vez recollida a mostra do test, a persoa participante deposita a mesma no centro de saúde, onde a remitirán ó laboratorio do hospital de referencia para a súa análise.
As persoas con resultado negativo reciben unha carta indicando a situación de normalidade, e vólveselles invitar no prazo de dous anos. Aquelas que teñen un resultado positivo son citadas na consulta do médico e de enfermaría para afondar na historia clínica, explicarlles o significado do mesmo, e a necesidade de realizar unha colonoscopia para descartar ou confirmar lesións malignas.
Máis cirurxías, menos complicacións
O estudo compara a situación deste tipo de cirurxías de abordaxe do tumor colorrectal nos doce meses anteriores e posteriores ó inicio do cribado. Analizáronse os resultados de 105 pacientes de idades comprendidas entre os 50 e os 69 anos, tanto procedentes do cribado como non, comparando, entre outras cousas a localización do tumor, o estadío, a evolución ou as complicacións.
Estes profesionais conclúen que se teñen incrementado nun 50 % o número de intervencións realizadas a pacientes no rango de idade indicado con diagnóstico de cancro colorrectal. Os pacientes procedentes do cribado representan un 37 % da cirurxía programada nese rango de idade e con ese diagnóstico.
Ademais, describen que o diagnóstico é máis precoz, atopándoos en estadíos menos avanzados, o que implica un menor número de complicacións e un mellor prognóstico. Tamén permite poder realizar o maior número de intervencións por vía laparoscópica, un 27 % das mesmas no caso do cribado.
Estímase que ese incremento se estabilizará posteriormente, xa que os pacientes que se diagnostican agora máis precozmente -explican- son pacientes que se diagnosticarían máis tarde e con maior complicación. Así, realízanse cirurxías menos agresivas que implican menor estadía hospitalaria, con menos morbilidade.
Conclúen estes profesionais que «supón un reto importante para a nosa Xerencia Integrada de Ferrol, e un grande esforzo dos servizos implicados, pero un gran beneficio a longo prazo».
Valoración do tratamento cirúrxico da Enfermidade Inflamatoria Intestinal
Por outra banda, o cirurxián do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Luis Sánchez-Guillén, explicará tamén neste encontro o traballo da Asociación Española de Cirurxiáns, que coordina xunto con dous profesionais de centros sanitarios de Valladolid e Tarragona.
O obxectivo deste traballo era valorar o tratamento cirúrxico actual da Enfermidade Inflamatoria Intestinal, coa pretensión de, nun futuro, elaborar un rexistro coas avaliacións de cada centro e crear unha serie de recomendacións no tratamento ós pacientes no ámbito cirúrxico, chegando a consenso nuns documentos que se poidan seguir de xeito homoxéneo adecuándoos a cada paciente.
Os resultados deste traballo reflicten que só o 43 % dos cirurxiáns que abordan as intervencións das patoloxías que abrangue a enfermidade inflamatoria intestinal son cirurxiáns especializados en colon. O 70 % dos centros hospitalarios nos que desenvolven o seu traballo conta con unidades médicas de Enfermidade Inflamatoria Intestinal, pero tan só o 32 % conta con profesionais de Enfermaría dedicados, e, en case a metade, non contan con cirurxiáns especializados.
Debate sobre el post