Publicidad

Estabilidade na curva da pandemia ao non rexistrarse novos positivos na área sanitaria de Ferrol

FERROL360 | Luns 17 maio 2021 | 11:11

A curva da pandemia mantense estable na área sanitaria de Ferrol e rexistra un lixeiro descenso na presión asistencial. Atendendo á información facilitada como cada día polo Sergas, este luns constan 87 pacientes positivos en coronavirus na nosa área sanitaria, a mesma cifra do domingo.

Non se contabilizan novos contaxios nas 143 probas PCR realizadas nas últimas 24 horas, xa se practicaron un total de 140.485 probas PCR desde que comezou a pandemia. En canto á presión hospitalaria, hai cinco persoas ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Delas, tres están en planta, dúas menos que o domingo, e dúas están ingresadas na UCI, unha máis que o domingo.

Non hai novas altas, xa que os casos non activos ou curados son 8.209, a mesma cifra do domingo. Lembramos que xa son 217 as persoas falecidas a causa do coronavirus nas comarcas.

No mapa por municipios de novos casos detectados nas dúas últimas semanas Ferrol baixa dos 29 aos 27 casos e Narón mantense en 12 positivos. No rango de entre 1 e 9 casos figuran: San Sadurniño, Cabanas, Valdoviño, Cariño, Cedeira, A Capela, As Pontes, Mugardos, Fene, Pontedeume, Monfero, Neda e Mañón.

No mapa de novos casos detectados na última semana Ferrol baixa dos 16 aos 12 positivos e Narón descende tamén dos 11 aos 10 casos. No rango de entre 1 e 9 positivos figuran: San Sadurniño, Cabanas, Valdoviño, A Capela, As Pontes, Monfero, Mañón, Mugardos, Fene, Pontedeume e Neda.

En Cariño e Cedeira non se detectou ningún caso na última semana e en Ares, Moeche, As Somozas, Cerdido e Ortigueira non se rexistrou ningún caso nos últimos 14 días.